Pecados, Ciclo de Músicas Prohibidas. Pazo da Cultura. Pontevedra 08, Outubro-Decembro Descargar dossier de prensa
Logos de Patrocinadores

4, 5, 11 e 12 de outubro

Música en acción. Troco de CD'S

Praza da Peregrina / Praza da Verdura

Colle un CD orixinal da túa colección, o que queiras, un do que te poidas desfacer, por bo, por malo ou porque si. Vai á Praza da Peregrina ou á da Verdura o día acordado, procura o posto de Pecados e entrégao. A cambio, has recibir outro. Non un calquera senón todo o contrario: un disco único, o mesmo para todos. Queres saber cal? Vén e búscanos. E se decides non vir, faite un favor: non preguntes o que perdeches porque ha ser moi difícil que o atopes na túa tenda habitual. Imos fabricar un hit.

Datas/horas Dia 4 Out. Dia 5 Out. Dia 11 Out. Dia 12 Out.
Praza da Peregrina 12 a 15 h.   12 a 15 h.  
Praza da
Verdura
  12 a 15 h.   12 a 15 h.

12 de outubro

Tumani Diabaté

Pazo da Cultura. 21:00 h.

Tumani Diabaté

A kora, unha variante da arpa procedente da África Occidental, ten vinte e unha cordas. Poden parecer moitas, pero a Toumani Diabaté sóbranlle dentes para tocala. Nacido nos anos sesenta en Bamako (Mali), fillo do músico Sidiki Diabaté e descendente dunha longa liñaxe de intérpretes, máis de setenta antes ca el, é hoxe un dos maiores virtuosos da kora. Rebelde e heterodoxo, é porén o mellor embaixador da tradición musical do seu país. Coma os griots das tribos africanas, antigos contadores de historias que tecían a comunidade coa palabra, Toumani armou na Symmetric Orchestra unha ferramenta para furar fronteiras. Co seu último disco, The Mande Variations, estrea nova formación.

9 de decembro

The Residents

Pazo da Cultura. 21:00 h.

The Residents

Están aquí porque nunca se foran. Son aínda un colectivo de músicos e videocreadores anónimos porque o seu programa ideolóxico non mudou unha coma dende The Third Reich’n’Roll (1996). Talvez por iso, The Residents seguen a cuestionar o pop como artefacto do mercado cultural contemporáneo. Agora atacan de novo con The Bunny Boy, un álbum, un personaxe, unha serie saída da internet, unha coartada conceptual e unha posta en escena que nin é música ao vivo nin é teatro nin é videoarte. Sesenta discos máis tarde, The Residents seguen aí. Esta é a súa primera xira mundial en anos.

1 e 2 de outubro

Dúo Dithyrambe

Casa das Campás / Praza da Peregrina / Praza da Ferrería / Praza da Verdura

Dúo Dithyrambe

Datas/horas Dia 1 Out. Dia 2 Out.
Casa das Campás 12:00 h.  
Praza da Peregrina   12:00 h.
Praza da Ferrería 19:00 h. 19:00 h.
Praza da Verdura 21:00 h. 21:00 h.

Coma anxos caídos, logo de 257 anos e tres meses conxeladas nalgún recanto perdido nos Alpes, Madame Bérénice de la Trouffinière e Madame Culnégonde de la Garde Montée acordan de súpeto no cambio de milenio arrodeadas de sonoridades populares contemporáneas, do punk ao disco ou o hard rock. Fascinadas, estas discípulas de Bach adaptan todo o que lles gorenta ao seu rexistro lírico do século XVIII e empezan a percorrer rúas, prazas, teatros e cafés do mundo enteiro co seu ukelele apropiándose dos Clash, de Abba ou dos ACDC. Se os Sex Pistols fixeran ópera, soarían coma elas.

21 de novembro

Stereolab

Pazo da Cultura. 21:00 h.

Stereolab

Entre a ourivaría pop e a experimentación, a medio camiño entre o savoir faire e a pescuda de novos riscos, a banda británica Stereolab leva máis de quince anos incomodamente instalada na vangarda, a arrandear con lucidez entre o krautrock, a bossa e o lounge. O recente Chemical Chords (2008), primeiro álbum en catro anos e undécimo na súa prolífica carreira, colócaos de novo no lugar que acadaran con títulos tan emblemáticos da música popular contemporánea como o Emperor Tomato Ketchup que publicaran en 1996. Un tratado sobre o ritmo con final feliz. Un retorno agardado.

Prezo das entradas

Por concerto:
12 € (anticipada) e 15 € (taquilla)
Bono de 3 concertos: 30 €

Venta localidades Caixanova

Pazo da Cultura de Pontevedra Pontevedra cultura Concello de Pontevedra