MÚSICA
A Concellaría de Cultura de Pontevedra presentou un novo formato de programación, ‘Cultural:’, unha publicación que informa das actividades que acollerán o Teatro Principal e o Pazo da Cultura ata comezos do mes de xaneiro. Entre elas, destaca unha ampla variedade musical, dirixida a públicos diversos, e que viaxa por sons de múltiples procedencias.
Entre os eventos musicais deste trimestre destaca unha nova edición dunha das citas xa máis emblemáticas da cidade: ‘Cantos na Maré’. O Festival Internacional da Lusofonía contará unha vez máis con Uxía como directora artística e chegará a Pontevedra o 19 de decembro, tras ver presentada a versión de ‘Cantos na Maré’ no Brasil con grande éxito. O nome dos artistas en cartel, iso si, farase público en vindeiras datas, pero o que é seguro é que sorprenderán nun deses concertos especialmente producidos para Pontevedra.
Do pop ao gospel
Tras o contundente directo dos cataláns Gossos o día 24 de outubro chegarán outras propostas musicais da man de María del Mar Bonet o 21 de novembro, dos estadounidenses Vetiver o 2 de decembro e do Alabama Gospel Choir xa entrados no Nadal, o domingo 27 de decembro.
María del Mar Bonet traerá a Pontevedra os cándidos sons do Mediterráneo e a Nova Cançó, precisamente no ano adicado a este movemento musical. A coñecida intérprete comezou a súa carreira a finais dos sesenta e dende entón conta con numerosos discos e colaboracións con artistas de diferentes estilos e países, como Lluís Llach, Milton Nascimento, Manolo García ou Georges Moustaki, entre outros.
Dende a beira do Pacífico, San Francisco concretamente, chegará o grupo Vetiver para presentar o seu último disco, ‘Tight Knit’. Nel, banda de indie folc americano liderada por Andy Cabic, fai unha viaxe musical onde mesturan diversos estilos e incorporan novos xiros a temas pasaados e outros novos.
O Teatro Principal soará a gospel ben entrados no Nadal. O prestixioso Alabama Gospel Choir interpretará temas de diversas épocas: dende música barroca ata composicións do século XX, pasando por espirituais negros e temas dos escravos africanos.
Música de banda e de gaita
A Banda de Música de Pontevedra tocará ‘Música latinoamericana’ o 5 de novembro no Pazo da Cultura. Dez días máis tarde o fará no Teatro Principal, acompañada da Banda de Música de Caldas de Reis, mentres que o 26 de decembro celebrará o tradicional concerto de Nadal, con pezas de Tchaikovsky e Strauss.
A BMP terá ademais un papel moi relevante na que será a segunda edición do ‘Musgafol’, o 12 de decembro no Teatro Principal, pois se o pasado ano a música de gaita compartiu protagonismo coa de piano, este ano o fará coa música de banda. Xosé Luis Represas dirixirá á BMP, que actuará xunto aos gaiteiros Pedro Lamas, Pablo Devigo, David Bellas, José Manuel López ‘Josele’, Óscar Ibáñez e Xoán Carlos Rilo.
14 de outubro /
Rolando Saad: ‘Concerto de Aranjuez’
Lugar: Teatro Principal, ás 21:00 h
Prezo: 12 € (*)
24 de outubro /
Gossos
Lugar: Teatro Principal, ás 21:00 h
Prezo: 4 € anticipada / 6 € en billeteira
5 de novembro /
Banda de Música de Pontevedra: ‘Música latinoamericana’
Lugar: auditorio do Pazo da Cultura, ás 21:00 h
Prezo: de balde
15 de novembro /
Banda de Música de Pontevedra e Banda de Música de Caldas de Reis
Lugar: Teatro Principal, ás 19:00 h
Prezo: de balde
21 de novembro /
María del Mar Bonet
Lugar: Teatro Principal, ás 21:00 h
Prezo: 6 € anticipada / 8 € billeteira
2 de decembro /
Vetiver
Lugar: auditorio do Pazo da Cultura, ás 21:00 h
Prezo: 9 € anticipada / 12 € billeteira
12 de decembro /
‘Musgafol’
Lugar: Teatro Principal, ás 21:00 h
Prezo: de balde
19 de decembro /
‘Cantos na Maré’
Lugar: auditorio do Pazo da Cultura, ás 21:00 h
Prezo: de balde
26 de decembro /
Banda de Música de Pontevedra
Lugar: Teatro Principal, ás 21:00 h
Prezo: de balde
27 de decembro /
Alabama Gospel Choir
Lugar: Teatro Principal, ás 21:00 h
Prezo: 15 € (*)
Venda de entradas /
A través do servizo de venda de localidades de Caixanova, no teléfono 902 50 45 00 ou en www.servinova.com
(*) Venda anticipada a través do teléfono 902 43 44 43 ou de www.caixagalicia.es