Pontevedra cultura

estás en: destaques > Música > DUF 09
duf-det

(05/11/2009) O Encontro Internacional de Pandeiros de Mao celebra a súa sexta edición o 11, 13 e 14 de novembro con Brasil como país convidado. Unha haima na praza do Teucro será o centro do encontro, cun programa conformado por concertos, obradoiros, charlas, artesanía musical e máis.

FESTIVAL

DUF 09
engadir á túa axenda Imprimir Enviar

O Concello de Pontevedra, a Central Folque e o Centro Galego de Música Popular presentan a sexta edición do DUF, o Encontro Internacional de Pandeiros de Mao, que este ano celebra as súas actividades en tres localizacións da cidade: a praza do Teucro -onde se instalará a haima central-, o auditorio do Centro Social Caixanova e o Museo de Pontevedra.

O DUF toma como nome a verba de orixe árabe da que deriva o termo ‘adufe’, isto é, pandeiro. E é que o DUF de Pontevedra é un festival sobre pandeiros de mao en xeral -adufes, pandeiretas, pandeiros, bendires, rijs,...- que ofrece unha ampla e variada oferta deste tipo de instrumentos, ademais de música e actividades relacionadas con eles.

O pasado ano o encontro puxo en marcha a súa internacionalización, abríndose a culturas lonxanas pero que comparten raíces coa tradición musical galega. Nesa quinta edición foron as culturas árabes as convidadas; nesta o é Brasil. Alí chegou o pandeiro no século XVI a través dos colonizadores portugueses, adaptándose despois ao seu xeito musical e acadando grandes cotas de evolución.

Carlos Núñez abre paso á música brasileira
O internacional gaiteiro vigués Carlos Núñez será o encargado de marcar o comezo desta nova edición do DUF o mércores 11 de novembro no Museo de Pontevedra coa charla-coloquio ‘Alborada no Brasil’. Nela falará sobre a súa experiencia musical no Brasil.

Xa entrados na fin de semana, o venres e o sábado, desenvólvense as actividades do encontro en sí mesmo, seguindo a liña iniciada na pasada edición: o equilibrio entre a oferta ao público especializado e o público xeral.

A haima DUF da praza do Teucro abrirá o venres ás 16:00 horas con mostras de Batuke brasileiro, artesanía musical, actividades infantís, feira de artesanía musical, e postos de asociacións de colectivos de inmigrantes árabes e brasileiros. Ese mesmo día, ás 21:00 horas, o auditorio do Centro Social Caixanova acollerá o concerto de Marcos Suzano e Alex Meirelles xunto ás pandereteiras da Coruña Con Canto Donaire.

Obradoiros, exhibicións e serán
Marcos Suzano é un virtuoso e renovador da técnica moderna do pandeiro do Brasil. Xunto a Alex Meirelles tocará o venres e o sábado ofrecerá un master class para músicos no Museo de Pontevedra. Tamén se celebrará alí o obradoiro ‘Fai o teu pandeiro!’, impartido por Carlos Viso.

Na tarde do sábado as actividades na haima non descansarán: primeiro haberá un concerto didáctico con Renato Spencer, logo un encontro de convivencia entre mulleres brasileiras, galegas e árabes. A elas seguiralles unha exhibición de capoeira co grupo Arte Negra e, para finalizar, o son dos pandeiros nun serán urbano botarán o peche ao DUF 09.

ligazóns

DUF Pontevedra 09 /

11 de novembro /

18:00 h / ‘Alborada do Brasil'. Coloquio con Carlos Núñez
Lugar: Museo de Pontevedra

13 de novembro /
16:00 h /
Apertura haima DUF Lugar: praza do Teucro

21:00 h / Concerto de Marcos Suzano, Alex Meirelles e Con Canto Donaire Lugar: Centro Social Caixanova

14 de novembro /
10:00 h /
Master class sobre a técnica de pandeiro brasileiro con Marcos Suzano*
Lugar: Museo de Pontevedra

10:00 h / Obradoiro ‘Fai o teu pandeiro!’ con Carlos Viso*
Lugar: Museo de Pontevedra

12:00 h / Concerto didáctico ‘Ao encontro de...’ Renato Spencer Lugar: Haima DUF

17:00 h / ‘Tan iguais, tan diferentes’. Encontro con mulleres brasileiras, galegas e árabes
Lugar: Haima DUF

18:00 h / Exhibición de capoeira co grupo Arte Negra
Lugar: Haima DUF

20:00 h / Serán urbano Lugar: Haima DUF

(*) Actividades de pago e con prazas limitadas. Inscrición a través de aCentral Folque en www.folque.com/