Pontevedra cultura

estás en: destaques > Música > XVII Festival Internacional de Jazz e...
jazz-09-det-2

(16/06/2009) Grandes figuras internacionais conforman o programa do XVII Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra, que se celebra entre o 21 e o 26 de xullo: John Scofield, Derek Truck, Esperanza Spalding e ‘Chicago blues: a living history’.

FESTIVAL DE JAZZ E BLUES

XVII Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra
engadir á túa axenda Imprimir Enviar

O Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra chega a unha nova edición convertido nunha referencia no circuito do jazz europeo, cun cartel de grande calidade e con actividades didácticas que lle aportan unha característica diferenciadora respecto a outros eventos similares, ademais da gratuídade dos concertos.

Esta edición conta unha vez máis con dúas partes, o ‘Pontejazz’ e o Festival en sí mesmo, cos concertos de grandes estrelas do jazz e o blues na praza da Ferrería. Esta edición caracterízase pola importancia da guitarra, instrumento no que destacan moitos dos músicos incluídos no programa.

‘Pontejazz’: workshop, jam-sessions e street band
O ‘Pontejazz’ arrancará o día 16 de xullo, cando o E.J. Strickland Trio comece a impartir o ‘Pontejazz workshop’ na sede do Seminario Permanente de Jazz no Antigo Conservatorio de Música. Será ata o día 20, con diversos obradoiros instrumentais e cinco combos de perfeccionamento.

O E.J. Strickland Trio é confórmase por tres dos músicos máis aclamados actualmente na escena jazzística de Nova Iorque, Mike Moreno -guitarra-, Josh Ginsburg -contrabaixo- e E.J. Strickland -batería-. Formados os tres na New School University de Nova Iorque, o trío fai un dos jazz máis frescos de EE.UU.

Cada ano, a parte didáctica do XVII Festival de Jazz e Blues de Pontevedra, o ‘Pontejazz workshop’, ofrece a oportunidade de que algúns dos grandes músicos da actualidade ao outro lado do Atlántico se acheguen a Pontevedra a compartir os seus coñecementos cos músicos máis novos. Algo que pode ter continuidade nas jam-sessions que terán lugar no pub A Cabaña ao longo da semana do Festival a partir das 00:00 horas.

Para enlazar o ‘Pontejazz’ coa outra parte do Festival, isto é, os concertos gratuítos na praza da Ferrería, haberá tamén unha ‘street band’ que amenizará as prazas e rúas durante dende o 21 ao 26 de xullo. Será polas mañás, de 13:00 a 14:00 horas, e polas tardes, de 20:00 a 21:00 horas.

Figuras de primeira liña de balde na Ferrería
A praza da Ferrería será o escenario de catro magníficos concertos do 23 ao 26 de xullo, todos eles ás 22:30 horas. O concerto inaugural correrá a cargo da John Scofield Piety Street Band, nunha das poucas ocasións nas que organización decide repetir cartel. Pero é que, tras estar en Pontevedra na edición de 2004, nesta ocasión o guitarrista chegará cun proxecto diferente e moi especial. No seu último álbum, John Scofield -un dos máis grandes guitarristas contemporáneos de jazz, xunto a Pat Metheny e Bill Frisell- interpreta unha selección de temas de gospel e consegue darlles unha identidade propia, ata o punto de ser xa considerado un dos mellores discos da carreira deste artista.

Ao día seguinte, o día 24 de xullo, Pontevedra soará a Chicago da man dun apaixoante proxecto sen precedentes que revisa o subxénero do blues en Chicago, ‘Chicago blues: a living history’. Billy Boy Arnold, John Primer, Billy Branch e Lurrie Bell unen talentos, influencias e xeracións e miran á historia completa do Blues de Chicago, dende os seus primeiros días ata o momento presente.

De Chicago pasaremos a toda unha sensación no mundo do blues actual: The Derek Trucks Band. Esta é a primeira xira da banda por España, e Pontevedra é unha das súas paradas, o que incide no feito de que este Festival é xa unha referencia internacional no mundo do jazz.

O seu líder, Derek Trucks, é o músico máis novo da listaxe dos cen mellores guitarristas da historia, segundo a revista ‘Rolling Stones’. Xunto a Todd Smallie, Yonrico Scott, Kofi Burbridge e Mike Mattison, Dereck Trucks presenta unha proposta na que o jazz se une con estilos próximos, como o blues e o rock, pero tamén con outros tan dispares como a música latina ou a india. Calquera música do mundo ten cabida neste proxecto con identidade propia, ata o punto de falarse xa de estilo DTB.

Esperanza Spalding pechará o 26 de xullo o XVII Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra. A baixista, vocalista e compositora é, a pesar da súa xuventude -non chega aos trinta anos- e do seu único disco no mercado, un dos nomes máis destacados na escena jazz contemporánea. Unha artista que se achega ao jazz dende un punto de vista completamente novo, con aproximacións ao soul, ao pop e ás músicas do mundo. En definitiva, un peche multidisciplinar para unha edición asequible para todos os públicos e para todos os afeccionados á música en xeral.

ligazóns

XVII Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra /

Lugar:
praza da Ferrería
Horario: 22:30 h

23 de xullo / John Scofield Piety Street Band

24 de xullo / Chicago Blues: a Living History

25 de xullo / The Derek Trucks Band

26 de xullo / Esperanza Spalding

‘Pontejazz’ /
‘Pontejazz workshop’

Lugar: Antigo Conservatorio de Música
Horario: do 16 ao 20 de xullo, de 11:00 a 14:00 h
Artista convidado: E.J. Strickland Trio
Máis información e matrícula en www.pontejazz.org

Concertos
Lugar:
praza do Teucro
Horario: 22:30 h
21 de xullo / E.J. Strickland Trio

22 de xullo / Virxilio da Silva Quinteto

Jazz na rúa
Lugar:
prazas e rúas da cidade
Horario: do 21 ao 26 de xullo, de 13:00 a 14:00 e de 20:00 a 21:00 h

Jam-sessions
Lugar:
pub A Cabaña
Horario: 00:00 h
21 de xullo / The Kronology Trio
22 ao 26 de xullo / Nacho Pérez Trio