Pontevedra cultura

estás en: destaques > Música > Concertos do Románico
ephimere-det

(02/06/2009) A Fundación Rutas del Románico celebra no Teatro Principal os últimos concertos da temporada con virtuosos do violonchelo e do piano. O cuarteto Ephimere pechará a programación o vindeiro 19 de xuño.

RUTAS DEL ROMÁNICO

Concertos do Románico
engadir á túa axenda Imprimir Enviar

A Fundación Cultural Rutas del Románico comezou a súa programación de concertos para este ano 2009 o pasado día 6 de febreiro, apostando pola música clásica e os novos intérpretes -algúns deles actúan por primeira vez en público grazas á Fundación-. Tras acoller a igrexa de San Francisco algúns dos concertos da programación, é o Teatro Principal o escenario dos tres últimos, os venres 5, 12 e 19 de xuño.

Do violonchelo ao piano
Francisco Pérez, Javier de la Vega e Antonio Serrano ofrecen o primeiro venres de xuño un recital de violonchelo. Discípulos do mestre Serguei Mesropian no Centro Autorizado Enseñanza Musical Katarina Gurska de Madrid, os tres intérpretes -con menos de vinte anos- acreditan unha reseñable experiencia no mundo da música, tocando en importantes festivais e salas da man de importantes músicos, como o seu propio mestre e Ara Malikian, entre outros.

A eses virtuosos do violonchelo seguiranlles outros menores de vinte anos, os pianistas madrileños Enrique Moreno e Laura Ordoñez. O primeiro deles pertence a unha familia de grandes intereses artísticos, con pai pintor e irmán tamén pianista, Juan Moreno Iglesias, quen ofreceu un recital o 29 de maio dentro da programación de Rutas del Románico. Enrique comezou a moi temprana idade a traballar coa pedagoga musical húngara Judit Faller e ingresou no Conservatorio Profesional de Música Joaquín Turina de Madrid logo de superar as probas de acceso con só sete anos. Dende aquela foi ampliando a súa formación con diferentes mestres e graos, formando parte de diversos grupos de música de cámara.

Laura Ordóñez comezou a estudar música aos cinco anos e piano aos sete, baixo a dirección de Marleen van de Zande e o programa da Associated Board of The Royal Schools of Music. Tras asistir anualmente, dende 1999, aos cursos de verán do London Suzuki Group, participou tamén no curso de música de cámara do Trío Felici en Mammoth Lakes, California, onde ao ano seguinte gozaría dunha bolsa de estudos. Na actualidade, Laura Ordoñez prosegue os seus estudos de piano da man da pianista armenia Rouzan Badalyan.

A corda pecha a programación
O cuarteto de corda Ephimere, conformado por Isabel Figueroa, Rosa Gayoso, Javier Escobar e Mario Peris, porá fin á programación do ano 2009 da Fundación Rutas del Románico. Profesores todos eles do Conservatorio de Vigo, aportan á formación unha grande bagaxe previa na música de cámara e un intenso labor de investigación e divulgación musical.

Dende a súa formación, o cuarteto ten ofrecido concertos ao longo de toda a xeografía galega, colleitando grandes críticas e eloxiosos comentarios do público asistente. Realizou ademais distintas gravacións discográficas como ‘Suite Negra Sombra’, en colaboración co grupo Malvela; a banda sonora da curtametraxe ‘Despierta’; ou o encargo de poñer música en directo no Festival Are More 2005 a un dos clásicos do cinema, ‘Nosferatu’.

A programación anual da Fundación Cultural Rutas del Románico conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra, o Concello de Pontevedra, a Fundación Caixa Galicia, Supermercados Froiz, Coca-Cola, Autopistas del Atlántico e La Caixa.

Concertos da Fundación Rutas del Románico /
Lugar:
Teatro Principal
Horario: 20:30 horas

5 de xuño / Virtuosos do violonchelo. Francisco Pérez, Javier de la Vega, Antonio Serrano
12 de xuño / Concerto de piano. Enrique Moreno e Laura Ordóñez
19 de xuño / Cuarteto Ephimere