O GALEGO NO MEDIEVO
As ‘X Xornadas da Historia’contan con destacados expertos que analizarán diversos aspectos e perspectivas da realidade lingüística de Galicia durante a Idade Media, época de florecemento cultural na que o galego era a lingua culta por excelencia. Utilizada por trobeiros e reis, por labregos e ferreiros, o seu emprego masivo e sen competencia respondía a un contexto político no que Galicia non era en absoluto un territorio marxinal, senón "centro na Europa do seu tempo, unida polos camiños de Compostela", segundo afirma Anselmo López Carreira.
Membro do Instituto de Estudos Galegos ‘Padre Sarmiento’ e profesor da UNED, será López Carreira quen abra as ‘Xornadas da Historia’ cunha análise das claves históricas e políticas do Reino Medieval de Galicia, nunha charla baixo o título ‘O marco político da cultura medieval galega’.
Tras a súa análise contextual, Mercedes Brea, catedrática de Filoloxía na Universidade de Santiago de Compostela e especialista en Literatura medieval románica, afondará en ‘Trobadores medievais’ na lírica galego-portuguesa dende un punto estritamente literario. Aspecto este que se verá ampliado coa intervención de Xosé Ramón Freixeiro Mato, baixo o título ‘Grandeza e decadencia da lingua galega’. O profesor de Filoloxía Galego-Portuguesa na Universidade da Coruña, abraguerá no seu discurso a plena normalización do galego ao longo de todo o período da Idade Media ata unha situación subsidiaria a partir do século XV.
O galego na lírica e a prosa
Especialmente importante e significativo foi o papel da lingua galega na lírica e a prosa da Idade Media, coas coñecidas cantigas de amigo, escarnio e maldicir, temática á que se adica a décima edición da Feira Franca os vindeiros 4 e 5 de setembro.
Nese tema centraranse tamén as dúas conferencias que pechan as ‘Xornadas da Historia’. Se ben a primeira delas fará refencia ao galego escrito, a segunda botará unha ollada a lírica galego-portuguesa dende un punto de vista musical.
Henrique Monteagudo, membro do Consello da Cultura Galega e profesor de Filoxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela, charlará sobre a emerxencia da lírica e prosa documental no século XIII. Dende outra perspectiva o analizará o investigador e director de Resonet Fernando Reyes quen, en ‘Cantigas, a recuperación das perspectivas esquecidas’, se achegará á lírica non como unha manifestación puramente literaria, senón tamén para ser interpretada e cantada.
‘X Xornadas da Historia’ /
Lugar: Casa das Campás
25 de agosto /
20:30 h / ‘O marco político da cultura medieval galega’
Anselmo López Carreira. Instituto de Estudos Galegos ‘Padre Sarmiento’ / UNED
26 de agosto /
20:30 h / ‘Trobadores medievais’
Mercedes Brea. Universidade de Santiago de Compostela
27 de agosto /
20:30 h / ‘Grandeza e decadencia da lingua galega’
Xosé Ramón Freixeiro Mato. Universidade da Coruña
29 de agosto /
11:00 h / ‘A emerxencia do galego escrito (s. XIII): a lírica e prosa documental’
Henrique Monteagudo. Universidade de Santiago de Compostela
12:30 h / ‘Cantigas, a recuperación das perspectivas esquecidas’
Fernando Reyes. Director de ‘Resonet’
14:00 h / Clausura
Matrícula /
A matrícula é gratuíta. A inscrición farase na mesma Casa das Campás o día de inicio das xornadas.
A asistencia validará un crédito de libre configuración na UNED, a Universidade de A Coruña e a Universidade de Vigo.